Ler

BASES XXIV MARATÓN FOTOGRÁFICO CONCELLO DE VIGO

INSCRICIÓN

Poderán participar todas aquelas persoas maiores de catorce anos que formalicen a súa inscrición o día do maratón na Cafetería Sifón, na rúa do Doutor Cadaval 5, (na praza do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia) entre as 12:00 e 12:45h do sábado 28 de setembro.

Tamén se poderá facer unha preinscrición online cubrindo o formulario disposto na páxina web: www.agrupacionfotograficagalega.com

Esta inscrición deberá formalizarse co pagamento da cota, no horario anteriormente mencionado, o día do maratón. Os/as participantes deberán aboar a cantidade de 10 euros, en concepto de inscrición.

CATEGORÍAS

Poderase participar en categoría analóxica ou dixital. Só se poderá participar nunha delas.

Os participantes na categoría analóxica deberán facer a preinscripción online, antes do día 25 de setembro.

Os/as participantes da categoría dixital deberán entregar as súas fotos en formato de arquivo JPEG, modo de cor RGB, e a unha resolución suficiente para amplialas a 20x30cm como mínimo. Aconsellamos que traballedes á máxima calidade das vosas cámaras fotográficas.

Os/as participantes na categoría analóxica recibirán un carrete de fotos 35mm cor, e os da categoría dixital, un CD, que deberán entregar ao final do concurso.

PREMIOS

Os premios para os/as gañadores/as serán os seguintes:

Primeiro premio… 1.000 euros

Segundo premio… Cámara Olympus (valorada en 500 euros)

Terceiro premio… Vale de Sigma de 300 euros Estes premios concederánselle á serie fotográfica.

O xurado poderá establecer algún outro premio especial se así o estimase pertinente. Aos premios aplicaráselles a retención fiscal vixente.

SAÍDA

Ás 13:00 h do sábado 28 de setembro, darase a saída ao Maratón e informarase aos/ás participantes dos temas deste concurso. 

TEMAS E CONTROIS

Os/as participantes deberán fotografar catro temas que serán facilitados pola organización á saída do Maratón Fotográfico.

Todas as fotos presentadas deberán ser feitas no transcurso do Maratón. As fotografías poderán ser tomadas tanto no exterior como no interior, igualmente, poderase facer uso do material técnico de calquera tipo, así como o retoque fotográfico que os/as participantes consideren necesario.

As fotografías entregadas deberán ter coherencia coas temáticas propostas e cumprir cos criterios de avaliación citados en dito apartado. No caso de tomar as fotografías fóra do límite do Concello de Vigo, as imaxes, terán que ter como obxecto de fondo o Concello de Vigo.

ENTREGA DAS FOTOS

A entrega das fotos será na sede da AFG, rúa Uruguai 17 entrechán. D, entre á 13:00 e as 14:00h do domingo 29 de setembro.

Os/as participantes da categoría dixital deberán entregar á organización o CD no que incluirán as catro fotos que representen cada un dos temas propostos. Se algún participante non puidese facer a gravación do CD, a organización disporá dun ordenador con lector de tarxetas para realizar a descarga das fotografías no control de entrega.

No entanto, pregamos a todos os participantes que preferiblemente entreguen as súas fotos no CD para facer o proceso máis sinxelo.

Os/as participantes da categoría analóxica deberán entregar o carrete entregado pola organización na saída do concurso.

XURADO

O xurado de cualificación, que tras unha primeira selección valorará as fotos preseleccionadas, estará composto polos seguintes membros:

PRESIDENTE: o concelleiro delegado da Área de Cultura ou persoa en quen delegue.

VOCAIS: un mínimo de catro persoas de recoñecido prestixio, relacionadas co mundo da fotografía, imaxe, artes ou medios de comunicación…

SECRETARIO: un membro da AFG, con voz e sen voto.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

O xurado avaliará as fotografías presentadas tendo en conta:

• Coherencia coa temática proposta

• Coherencia da serie fotográfica.

• Orixinalidade da fotografía.

• Calidade técnica: nitidez, contraste, cor …

• Calidade artística: definición, tema, cadro.

MÉTODOS DE VOTACIÓN

Os traballos gañadores serán seleccionados de maneira anónima atendendo ao indicado no apartado “criterios de avaliación” destas bases.

O xurado poderá rexeitar calquera das fotografías que non se axeite ao indicado nestas bases

EXPOSICIÓN

Coas fotografías seleccionadas realizarase unha exposición no museo MARCO. A data está por determinar. O veredicto do xurado farase público o día da inauguración desta exposición e será inapelable.

DEREITOS DE PROPIEDADE

fotografías presentadas. Os gañadores e os mencionados cédenlle gratuitamente e de forma NON EXCLUSIVA á Agrupación Fotográfica Galega os dereitos de difusión das imaxes presentadas.

Se calquera das fotografías é utilizada cos obxectivos enunciados arriba, indicarase expresamente o nome do autor. Porén, os autores das imaxes seguen sendo os titulares dos dereitos de explotación das mesmas para calquera uso posterior

NORMAS DO MARATÓN

A organización non se fai responsable do deterioro ou extravío que puidesen sufrir os carretes, copias ou os arquivos dixitais.

Durante o transcurso do maratón existirá un Comité de Control, formado por tres persoas da organización, que estará facultado para resolver as controversias ou circunstancias especiais que puidesen xurdir, así como para interpretar as presentes bases. A súa decisión terá carácter definitivo.

Coa inscrición, os participantes autorizan o envío de información por correo electrónico sobre este concurso e de promoción de edicións posteriores en calquera das actividades organizadas pola AFG, estes datos formarán parte da base de datos da AFG e serán tratados según a LOPD vixente.

O feito de concursar nesta edición do “MARATÓN FOTOGRÁFICO CONCELLO DE VIGO” implica a total aceptación destas normas.

A organización resérvase o dereito de interpretación das bases, co único obxectivo de favorecer o desenvolvemento do concurso. Calquera decisión sobre cuestións interpretativas relacionadas coas bases seralle comunicada a todos os/as participantes no enderezo de correo electrónico indicado no proceso de rexistro.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

COLABORAN

SALIDA DEL MARATÓN

ENTREGA DEL MARATÓN